ASOCIACIÓN SAGRES
DEPURAR SÍ, PERO NON ASÍ

O Concello de Ribeira envía á Xunta a súa proposta de terreos para a depuradora. Por terceira vez: un único terreo para todo o concello e por terceira vez só en Aguiño,esta vez en Couso, ao lado de Conresa


Hai un ano tiñan proxectado facer unha macrodepuradora en Pinisqueira. A actual depuradora de Ribeira no Touro pasaría para Aguiño pero esta vez serían as 9 parroquias de todo o concello as que depurarían aquí.
Esta depuradora, que sería a única que tería o concello, ocuparía 2ha, recibiría tanto augas residuais urbanas como industrias (o equivalente a 83000 habitantes), e cun emisario que vertería 22500m3 de auga doce a un fondo de 4 m. na abra de Aguiño.
O día 30 de xullo de 2007, ante a oposición dos veciños, Confraría e Sagres, e co propio recoñecemento de todos os grupos políticos da barbaridade desa decisión, o Concello de Ribeira, aproba en pleno, e co acordo de todos os grupos políticos que:

1. Que o proxecto da EDAR de Ribeira se someta aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade.
2. Que se solicite da Xunta de Galicia unha depuradora específica para o Polígono Industrial de Xarás.
3. Que, en todo caso, o emisario se prolongue até augas profundas, fóra da enseada, en augas con correntes oceánicas, onde se asegure o mínimo impacto e unha rápida dilución e difusión no medio receptor.
4. Que o incremento na intensidade de uso do espazo destinado á planta depuradora vaia acompañado das preceptivas medidas compensatorias.

Actualmente e mesmo despois deste acordo, o concello sinala por terceira vez unicamente Aguiño para instalar a depuradora. Isto sabendo que esta é unha costa hiper sensible e hiper protexida e que vivimos dela, sabendo a imposibilidade de levar o emisario ata augas profundas desde ese lugar porque habería que atravesar 3km de pedras ou deixalo como o fai o actual proxecto a 4 m no criadeiro natural da abra de Aguiño.
Pola súa banda desde a Xunta insístese en levar a cabo un modelo de depuración de hai 20 anos.
Polo de agora, só contamos coa promesa dita por todos que van separar as augas industriais e urbanas (papeis non hai, e ata agora estaban dispostos a facelo) Un modelo que, desde o noso punto de vista, non respecta a directiva europea de depuración en orixe, posto que son 20 km de tubería e numerosas estacións de bombeo os que se necesitan ata chegar a Aguiño. Un modelo que non aposta pola reciclaxe da auga, que é a mellor proba dunha boa depuración.
Non entendemos porque cando falamos de varias estacións se nos di que é imposible, cando o propio anteproxecto contemplaba como alternativa 1ª: dúas, unha no Touro e outra en Aguiño, e en Corrubedo está a facer outra, só para eles, en total 3.
O pasado mércores 6 de novembro, Sagres tivo unha reunión cos representantes dos catro grupos políticos de Ribeira.

Nesa reunión expuxémoslles a nosa frontal oposición a que a depuradora de Ribeira se instale en Aguiño. Tamén lles recordarmos o total incumprimento do acordo plenario. E quixemos saber cal era o modelo de depuración de cada partido, considerando as dimensións do municipio.
Herminia Pouso, a representante do PP dixo que “todo dependía da consellería, que ela estaba alí só para pasarlle a información ao alcalde” Ao día seguinte, soubemos polos xornais, que o alcalde enviou o plano coa situación dos novos terreos, de novo en Aguiño, de novo en Couso.
Dominga Brión, a representante do BNG, entregounos unha documentación na que se pedía que se fixese valer o acordo do pleno e volvía facer fincapé que nunca tomaron parte na decisión de instalar a depuradora en Aguiño, xa que esa decisión fora tomada en comisión de goberno e non nun pleno.
Rosa García, a representante do IPdo IPdeR expresou que: “eu non goberno nin aquí nin alá, así que podería botar pedras contra todos os tellados, pero non creo que sexa o momento nin o lugar. Haberá que chegar a un acordo, por suposto depurar é imprescindible, e nós queremos que se desbloquee o asunto”.
Toño Novoa, o representante do PSOE, manifestou que “hai uns cartos aí preparados e que hai que gastalos.”Tamén afirmou que “el estaba disposto a chegar a un acordo para levar unha iniciativa conxunta de todos os partidos, pero que tería que partir do PP que é o que governa, tivese o costo politico que tivese”.
Tamén queremos destacar que cando se falou de depurar as aguas industriais do polígono de Xarás, todos estaban de acordo coa necesidade de separalas das urbanas, pero non en Xarás, senón que estas se derivarían para o Touro ou para o futuro polígono comarcal. Isto queremos recalcalo porque cando tivemos unha reunión co alcalde este dixera que en Ribeira había 3 terreos posibles, 2 dentro do polígono e un cerca del. Por iso a nosa conclusión é que Ribeira quere que outros lle fagan a súa depuración. Aínda que IPdeR, PSOE e BNG quixeron chegar a algún acordo con Sagres, isto non foi posible, porque Herminia (PP) dixo que non podía, que ela primeiro tiña que transmitir ao alcalde o contido da reunión. E que ademais como ela tiña a chave do local todos tiñamos que marchar.

A TÚA OPINIÓN É IMPORTANTE
En canto o tema da depuradora volve estar a debate, queremos saber a túa postura. Fainos chegar o que ti que opinas a través do buzón que está na porta da Confraría, ou a través do correo electrónico de Sagres: asociacionsagres@gmail.com

No hay comentarios: