GALICIA, O PAÍS DO ASEGHÚN


28-05-2009

Galicia, o país do aseghún

Iniciábase esta lexislatura dicíndonos que en Galicia se aplicaría o modelo “bilingüe”.

E así neste país do aseghún, as normas cambian e mudan por momentos, un modelo que vén de vello, e velaí a depuradora de Ribeira outro exemplo máis, un proxecto feito ás caladas ou o que é o mesmo sen exposición pública.

“Europa obriga a depurar as augas residuais de todas as poboacións de máis de 2000 habitantes”, argumentan ameazantes os políticos aos veciños, que so poden dicir: depurar si, pero non así. Non a un proxecto no que

  • non hai separación das augas fecais, pluviais e industriais. As industriais, segundo Europa, deben contar co seu propio sistema de depuración que debe estar no propio polígono industrial, e en ningún caso se permitirá o vertido destas augas na rede de saneamento. Aquí tamen lle é de aplicación o aseghún se mire”. A tan só uns quilómetros está parado o polígono industrial da Pobra de Caramiñal.
  • Non se realiza a depuración en orixe –que é a recomendación europea- senón a máis de 12 km, que é a distancia a que está a parroquia máis afastada de Aguiño, Palmeira.
  • O emprazamento está cerca das casas e iso que a lei di que se deben respectar distancias mínimas de 400 m polo asunto de lodos, cheiros e... Aseghún se mire tamén ... En Aguiño non importa, pero “cómo se vai poñer a depuradora de Ribeira en Ribeira?, estaría moi cerca da urbanización que están a facer!” –dixit algún dos políticos no pleno do 31 de xullo de 2007. Falando de distancias, xa se sabe que nas distancias curtas, non todos teñen a mesma vara de medir.
  • O emisario da EDAR verterá ao mar, a 200 metros da praia da Penisqueira, e a unha profundidade de 4 metros, os seus vertidos, que segundo recomendación europeas deberían estar o máis afastados posible de espazos naturais protexidos, pero outra vez, aseghún se mire, en Aguiño non importa.
  • O sitio do que estamos a falar non é un polígono como queren facernos crer porque tal polígono non existe, e un espazo a cabalo entre o Parque Natural de Corrubedo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Pero tampouco importa porque non imos “vivir obsesionados coa Rede Natura” –dixit o actual conselleiro de Medio Ambiente.
  • os vertidos pretendese facer nas zonas de marisqueo da Punta de Couso, onde se atopa o banco de percebe máis importante de toda a costa galega, e a principal fonte de ingreso da poboación afectada, e iso que “hai que buscar a sostibilidade social” e que “a costa debe render á economía e ao turismo” –segundo dicía o actual conselleiro de Medio Ambiente, por non falar da crise que hai, e da perda de emprego, pero en Aguiño, aseghún se mire, pouco importa.

    Non, se é que o modelo vén de vello, e aí teremos nós o noso 2º Prestige ou o noso Lagares bis, porque modelo habelo hailo, e alguns non deberían repetirse. Pero esqueciámolo, este é o país do “aseghún”.

-------------------------------------------------------------------------------------------------